Ximnasia Rítmica Compostela. Cedida
A comunidade galega estivo presente no podio de todas as categorías do certame
Máis de trescentos ximnastas de 35 equipos diferentes desprazáronse ata Pamplona para participar onte no Campionato de España de ximnasia estética. Tratouse do último certame tras unha semana de competicións no Navarra Arena, como foi a Copa Base Individual e o Campionato de España de Conxuntos. Así, os tapices do recinto impregnáronse de máis de 3.000 deportistas de todo o territorio nacional durante esta pasada semana de decembro, rematando coa que sería a súa primeira competición estatal de ximnasia estética, unha disciplina que se está impulsando dende a Federación Española de Ximnasia (RFEG).
O Club Ximnasia Pavillón de Ourense participou nel con dous equipos júnior, un feminino no programa curto e outro mixto no longo. O equipo júnior mixto obtivo a maior puntuación na clasificación, logrando o ouro nacional. Destacaron por un segundo pase brillante, onde os/as integrantes se mostraron cómodos sobre o tapiz. Pola outra banda, o seu grupo feminino quedou ás portas do podio no programa curto, acadando a cuarta posición do certame.

Club Ximnasia Pavillón / Cedida
Porén, foron as deportistas do Club Ximnasia Oleiros as que acadaron o ouro do programa curto júnior e o bronce no programa longo. Mais non foron os únicos metais que este equipo trouxo de regreso a Galicia, pois o grupo infantil tamén replicou posición, facéndose co ouro no programa curto e o bronce no programa longo da súa categoría. Con todo, o colofón do certame chegaba a cargo das compostelás, que subiron ao máis alto do podio na categoría sénior. En total, Galicia suma seis novos metais (dos cales catro foron dourados) grazas aos equipos participantes, que pechan o 2024 por todo o alto.

Ximnasia Rítmica Compostela / Cedida











Deja una respuesta