A deportista do C.H. Cambre logrou facerse co bronce na súa categoría (-64kg)
A localidade Olías del Rey, situada en Toledo, acolleu o Campionato de España sub-17 os días 16 e 17 de novembro. Cun total de 206 deportistas inscritos, o certame conseguiu o seu récord de participación do ano. En total, asistiron ao encontro 101 deportistas masculinos e 105 femeninas, onde houbo, en cita textual da Real Federación Española de Halterofilia, un ambiente de moita emoción e deportividade.
Ata o campionato desprazouse o C.H. Cambre, onde participou Alberto Ferreiro Fandiño na categoría de -67 quilogramos e Xiana Pérez Brión en -64 quilogramos, quen logrou facerse con tres medallas de bronce. Así, a galega atreveuse a subir ata os 55 kg en arranque, o que lle outorgou o seu primeiro metal da competición (3ª clasificada). Na seguinte proba, a de dous tempos, logrou superar os 70 kg nun primeiro intento. Malia que a segunda tentativa foi fallida con 73 kg, finalmente impúxose ao peso no terceiro asalto, alcanzando o terceiro mellor posto. Xa no total olímpico, Xiana antepúxose con 128 kg, conseguindo ser a terceira mellor levantadora de España na súa categoría. Por diante estiveron Claudia Cabrera (ouro) e Julia Torres (prata).
Mais a temporada segue e non deixa folgos no mundo da halterofilia. Deportistas de Galicia xa teñen nova cita no Campionato de Galicia Base que se disputará en Gondomar.

Imaxe: cedida











Deja una respuesta