Imaxe: CEDIDA
O bo resultado da competición continental sitúa a Irene nunha posición cómoda para o seguinte obxectivo: a Copa da Raíña
Outubro remata por todo o alto para o deporte español. A levantadora Irene Blanco, do C.H. Coruña, regresa de Polonia coroada como campioa de Europa sub-23, na categoría -76 kg. Alcanzou dous ouros e unha prata, rompendo con todas as predicións previas sobre o desenvolvemento da xornada. Xunto con Irene, tamén se desprazou a ourensá Uxía Romero, quen conseguiu dous podios júnior.
Irene demostrou o seu potencial xa en arrancada, onde comezou nos 88 kg, subiu ata os 90 kg e rematou nos 93 kg. Este peso serviulle para colocarse por diante da rival alemana, Amelie Herner, quen fixo dous quilos menos. En dous tempos, a deportista puido levantar os 115 kg ao terceiro intento, un resultado lonxe da súa mellor marca persoal, pero que lle foi suficiente para colgarse a presea de prata. Así pois, en dous tempos, foi a británica Madison Farley quen subiu ao máis alto do podio. Na última, o total olímpico, Irene volveu a impoñerse con 208 kg, fronte aos 205 kg de Madison e os 202 kg de Amelie.
Con esta competición, a coruñesa suma unha quincena de medallas internacionais ao seu palmarés. O seguinte obxectivo da levantadora está na Copa da Raíña, que se disputará o vindeiro 23-24 de novembro en Almería.











Deja una respuesta